10.1.18





XUNTANZA CLUB DE MANGA NO NOSO INSTITUTO



O pasado 18 de decembro xuntámonos de novo unha chea de rapazas e rapaces dos clubs de manga de varios centros de Vigo e do Morrazo, no noso instituto. A organización foi, coma sempre, magnífica. Os rapaces e rapazas do noso club de Manga traballaron arreo para que todo estivera listo e fora un éxito. Os profes non deixamos de sorprendernos do ben que saben xestionar os nosos alumnos cando teñen interese e ilusión por algo.





Nesta ocasión prepararon varios concursos e, ademais, un obradoiro de Magic, que foi un exitazo.
Comezamos a mañá cos Torneos de Pokemon e de Mobile Legends.

Ao mesmo tempo, os participantes no concurso de debuxo puxéronse mans á obra ata ir completando o panel no que posteriormente teriamos que escoller o noso debuxo preferido.






Ao longo da mañá celebrouse tamén o concurso de talentos, no que os profes participamos como xurado imparcial dunha reñidísima competición na que houbo bailes, cancións e, sobre todo, moito humor.























E mentres tanto, no espazo da biblioteca, tiña lugar o obradoiro de Magic da man dos encargados de Mazinger en Vigo. O éxito foi total: os que xa sabían xogar desfrutaron amosando as súas habilidades. Os que non, aprenderon e tanto lle colleron o tranganillo que aproveitaron os tempos mortos (escasos, todo hai que dicilo), para botar algunha partida. Ademais, houbo premio. Todos os participantes recibiron un mazo de cartas como agasallo. Para empezar non está nada mal...
Comemos bastante cedo para aproveitar o tempo do mediodía en que o instituto queda baleiro e así dispoñer nós dos espazos para as actividades da tarde. Foi un momento para descansar e compartir, tamén entre os profes. Ou para seguir xogando ao Magic...

Despois de comer houbo una competitiva xincana por equipos no patio. Sorte que lucía o sol.
Unha vez rematada a xincana, regresamos ao interior porque se celebraban dúas actividades simultáneas.


Na biblioteca tiña lugar un Pictionary de anime no que os nosos mangas demostraron que non se lles escapa unha e, ademais, que saben debuxar moi ben.
E, mentres tanto, no salón de actos avanzaba o concurso de karaoke.
Cara ao final da tarde, houbo entrega de premios e despedidas.



En fin, un día completo, cheo de emocións e aprendizaxes. Parabéns para o club do noso insti que demostrou una organización e xestión impresionante. Vémonos noutras xuntanzas!!!!!.


CLUB DE LECTURA
PRIMEIRA SESION “XA NON ESTOU AQUÍ” DE IRIA MISA. 20 NOVEMBRO 2017

O pasado luns 20 de novembro fixemos a primeira sesión do club de maiores.Estivo dirixida pola profesora responsable do club,Ana López. Tivemos a sorte de poder contar coa presenza da autora,Iria Misa, o que foi magnífico para os rapaces xa que poideron facer moitas observacións e  comparalas co que a autora tratara de contar.




Como a novela está narrada dende moitos puntos de vista, os alumnos fixáronse en distintos personaxes segundo as súas vivenzas,e fixeron preguntas e reflexións  que a autora encontrou moi enriquecedores mesmo para ela. Algúns preguntábanlle porque non  desenvolvera algúns personaxes secundarios máis, xa que trataban problemáticas que algún poido ter sufrido.
Todos os alumnos interviron varias veces, o que foi moi gratificante para a profesora que dirixía a sesión , porque tamén poido contrastar a diferente perspectiva de adulta/profesora/nai coa da xente nova, e para a autora o poder ver outros matices nos que ela non pensara. E por outra banda  ver como os alumnos identificaban algunha escena do mesmo xeito ca ela.




XORNADAS LECTURAS COMPARTIDAS 

A semana do 6 o 10 de novembro as profesoras Marisol Mariño e Ana López asistiron ás xornadas “Lecturas compartidas ” en Pontevedra. As sesións foron moi interesantes, xa que aínda que moitas das experiencias eran similares ás nosas, en todas aprendimos algo novo ou tiramos ideas para os nosos clubs.
Nas primeiras sesións nos achegaron moitas lecturas para traballar sobre os dereitos humanos e a igualdade,.
Na seguinte o poñente regalounos o seu arquivo de lecturas vital compartíndoo connosco e, de unha forma realista explicando que ás veces aínda que nós , os profesores que conducimos as sesións poñamos moita ilusión e teima hai lecturas que non enganchan aos lectores xuvenís, mais sempre coa esperanza de que ao longo da súa vida teñan interese en lelas. Tamén coñecemos outras formas de dinamizar os clubs de lectura; vimos un contrato para os membros dos clubs , plataformas europeas de docentes para saber que fan outros centros fóra de España. E finalmente as lecturas como forma de acoller aquela rapazada que se sente excluída por determinadas razóns.

25.12.17


O pasado luns, 27 de novembro, reunímonos por primeira vez neste curso as lectoras e lectores do club de lectura de 1º de ESO.
De novo, a primeira lectura que fixemos no curso foi de relatos de medo. Esta vez, o libro escollido foi A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, autor xa coñecido por todos os membros do club, que comentaron outras obras del, como Cartas de inverno, tamén con algún relatos de terror. Falamos, ademáis, dos relatos que máis lles gustaron, como o de “A casa azul” e o terror diso que nunca vemos pero que podemos imaxinar; ou o de “A néboa da vinganza”, “Un incidente no internado”,e “Herdanza de sangue”, historias de vampiros e de pantasmas que nos engancharon. Pero tamén comentamos a historia que envolve todos eses relatos: a dos escritores e guionistas que se reúnen nun hostal aillado no monte, na Fonsagrada, para facer o guión dun programa de televisión “As fronteiras do medo” e, como fixeran tamén Byron, Mary Shelley e outros escritores hai moito tempo, cada un le a súa historia cada noite, ata que descubren que eles mesmos están dentro dunha historia de terror: non só porque algúns dos personaxes do hostal que crían reais levaban mortos xa anos, como se descubre por unha nota manuscrita atopada por un dos protagonistas, senon pola neve que os ten aillados alí e que non para de caer. Como di un dos personaxes, esa si que era unha “historia de terror actual”.
Como sempre, a conversa estivo acompañada dunha merenda con biscoitos.



100 ANOS DA REVOLUCIÓN RUSA

Para finalizar o trimestre inauguramos e expo 100 ANOS DA REVOLUCIÓN RUSA 1917-2017 con paneis informativos sobre os personaxes e os feitos máis relevantes desta etapa da historia do século XX que mudou o mundo. Dende Marx e Engels, os filósofos redactores do “MANIFESTO COMUNISTA” que impulsou a revolución dos soviets, pasando pola familia imperial rusa e o monxe intrigante Rasputín, a expo percorre os inicios da revolución coa manifestación das obreiras de San Petersburgo pedindo PAN E PAZ, debido ás penurias que estaba a soportar o pobo ruso pola participación na 1ª Guerra Mundial.
Completan e expo mapas e materiais literarios cedidos pola ASOCIACIÓN MÁXIMO GORKI de Vigo en alfabeto cirílico, e os fondos bibliográficos da nosa biblioteca tanto da literatura rusa como doutras materias, en especial a filosofía e cine, con películas míticas como DOCTOR ZHIVAGO ou os textos filosóficos de Karlos Marx.
Acompañando a estos personaxes que transformaron o mundo, dedicamos un espazo ás mulleres revolucionarias, como Alexandra Kollontai, a primeira muller do mundo en ter un cargo político como Comisaria do pobo, ou Nadezhda Krúpskaya, alto cargo do partido Comunista ruso. Ambas levaron a cabo una intensa labor en favor dos dereitos das mulleres establecendo una lexislación que favorecía a igualdade e a conciliación da vida familiar e laboral. Na expo están acompañadas doutras mulleres que destacaron ao longo do século XX como feministas de esquerdas. Por iso esta parte da expo titúlase SEN AS MULLERES NON HAI REVOLUCIÓN. Será esta a revolución do século XXI?