28.2.11

A edición de álbum ilustrado con Francisco Castro

O pasado 21, dentro dos actos sobre o libro ilustrado, visitounos Francisco Castro, esta vez na súa faceta de editor, para dar unha charla sobre a edición do álbum ilustrado e a edición dixital. A charla, dirixida ao alumnado de primeiro bach. foi moi amena e didáctica. Francisco contounos todas as fases e actores que interveñen na edición dun álbum e falounos do futuro da edición dixital facendo demostracións cun ipad, algo que chamou moito a atención. Coma sempre, agradecemos a Fran a súa disposición e sobre todo a súa paciencia, pois, sendo sinceros, non todo o alumnado correspondeu ao seu didactismo e bo facer coa educación que o acto merecía.


20.2.11

Carlos Negro co club de lectura

O venres visitounos Carlos Negro. Foi unha sesión co club de lectura e co grupo 3ºA que prepararan o libro Makinaria nas clases de galego. Con Carlos soubemos do valor da palabra escrita, pero sobre todo do valor da palabra pronunciada. Emocionounos, fíxonos partícipes dos seus versos, regalounos un conto e uns versos para cada un, que nos fixo ler en público. De momento, á espera da crónica que esta facendo Yago para o blog do club de lectura e que terá lista para a próxima semana, deixamos aquí as fotos dunha sesión que tardaremos tempo en esquecer. Agradecémoslle a Carlos a visita e o bo facer e complicidade que tivo co noso alumnado. Unha sesión recomendable para todo o mundo.

8.2.11

Quincena da ilustración e visita de Anxo Fariña.

A partir de hoxe, na biblioteca podedes ver a exposición sobre a ilustración e ilustradores en Galicia. Coa colaboración de diversas editoriais que nos prestan os libros, montamos unha expo na biblioteca con máis de cen libros e álbums ilustrados. Acompáñana 38 cadros cadros con ilustracións orixinais cedidos pola editorial Xerais, 10 pósters elaborados por nós con información sobre as editoriais galegas, unha escolma de ilustradores actuais (non están todos, pero todos o son), unha guía didáctica para traballar nas visitas e un cartel con información sobre as saídas laborais que ofrece o mundo editorial.
Convocamos tamén un concurso de ilustración do mes dos namorados, titulado "Ilústrame este conto", no que deberán realizar unha ilustración a partir do conto "A rapaza do circo", do libro de Carlos Casares Vento ferido.


A exposición tamén se traballa nas clases, así, o alumnado de primeiro ESO e do club de lectura leu "Os Megatoxos" e onte, luns, disfrutaron dun taller de ilustración co autor da obra, Anxo Fariña, que fixo as delicias do alumnado (sobre todo dun, ao que transformou en personaxe). A participación foi moi activa, e case todos realizaron algún debuxo, do que damos fe nas fotos, con máis gloria que pena. Ao rematar asinou os libros do alumnado.


O alumnado de primeiro bach. terá unha sesión co escritor-editor Francisco Castro, que versará sobre a edición do libro ilustrado e as novas formas de edición. Recibiremos tamén nesta quincena, as visitas de Carlos Negro e Xabier P. Docampo.


As fotos están un pouco escuras, para que o flash non causase reflexos. (A verdade é que a fotografía non é o noso, así que se valorará facer fotos novas)




4.2.11

Teatro en inglés

Aínda que cun pouco de retraso, subimos as fotos da obra de teatro en inglés que tivo lugar a semana pasada. A obra, School's Out, representada polo grupo Clever paints e destinada a terceiro e cuarto, enmárcase dentro das actividades do plan anual de lectura do departamento de inglés, que xa con anterioridade organizara un contacontos en inglés para bacharelato a cargo de Charo Pita e Tim Bowley. O alumnado pasouno ben e incluso tivo ocasión de participar.

2.2.11

Novidades de febreiro

Presentamos as novidades en castelán do mes de febreiro neste espazo, posto que non temos dispoñible o expositor de novidades que estará ocupado coa exposición que se inaugurará nun par de días e da que daremos noticia.