31.3.11

Conferencia matemática

O martes 29 de marzo estivo no noso centro a decana da facultade de matemáticas da universidade de Santiago, a profesora Mª Victoria Otero Espinar, impartindo unha conferencia titulada “As matemáticas na vida cotián”. Foron dúas sesións de 50 minutos, unha para o alumnado de 4º de ESO e outra para o alumnado de 1º de bacharelato, onde a decana fixo unha exposición moi amena na que mostrou ao alumnado (e ao profesorado que asistiu tamén) distintas aplicacións das matemáticas en varios campos (medicina, odontoloxía, xeografía,ciencias socias, tecnoloxía…), curiosidades sobre os sistemas de numeración, representación de gráficas estatísticas con “trampa” ou inadecuadas, a presenza de figuras xeométricas na natureza e, nalgúns casos, o por que destas formas… Non deixou de comentar tamén algún casos de estudios matemáticos carentes de sentido.

O acto servíu como remate a unha serie de actividades do departamento de matemáticas, e nel entregáronse os premios aos participantes nos concursos de relato matemático e de resolución de problemas.

O alumnado nesta ocasón estivo moi atento, debido a amenidade, interese e boa exposición da conferenciante, á que voltamos a reiterarlle o noso agradecemento.

25.3.11

Día da poesía en portugués.

Como tódolos anos, non quixemos deixar a ocasión de traballar a poesía, aínda que cuns días de retraso por mor das avaliacións.

Organizamos un recital de poesía portuguesa a cargo do profesor do centro Ricardo Álvarez. Non foi un recital ao uso, senón unha interpretación magnífica de poesías que incitan á reflexión. O idioma non foi obstáculo e todo o alumnado de 2º bach., aos que estivo dirixido o acto, comprendeu perfectamente a nosa lingua irmá e aplaudiron todas e cada unha das poesías, seleccionadas para chegar directamente ao centro das conciencias e sacudilas un pouco.

Foi, sen dúbida, un acto extraordinario, que non deixou a ninguén indiferente, e esta vez non só felicitou ao noso actor o alumnado, senón que tamén o profesorado o fixo con entusiasmo. Repetiremos o acto para outros grupos durante este curso, pois quedou demostrado que a poesía pode chegar a todo o mundo e non debe ser só un acto de lectura na intimidade. A interpretación fíxose con poemas dos seguintes autores:
  • José Gomes Ferreira

  • Ana Hatherly

  • Adília Lopes

  • José Galhardo

  • Jorge de Sousa Braga

  • Daniel Maia-Pinto Rodrigues

  • Reinaldo Ferreira

  • Mario Cesariny

  • José Luis Barreto Guimaraês

  • Alberto Pementa.

  • José Carlos Ary dos Santos

  • Fernando Pessoa

  • Álvaro de Campos

  • Rematou cunhas propinas multilíngües de Cesare Pavesse, Dasso Saldivar, Guido D'Arezzo e Mahmud Darwish.


    14.3.11

    Ilustración gañadora

    Durante o mes pasado, como actividade complementaria á exposición de álbum e libro ilustrado, tivemos convocado un concurso para ilustrar o conto de Carlos Casares "A rapaza do circo". A gañadora foi Noa Covelo, que fixo un extraordinario traballo cheo de arte e sensibilidade. Co beneplácito da editorial publicamos a versión en issuu do conto ilustrado por Noa. A nós xa nos pagou a pena.

    10.3.11

    Xabier Docampo cos clubs de lectura

    Sesión extraordinaria dos rapaces e rapazas do club de lectura, poñendo un broche dourado ao que ían ser dúas semanas de actos sobre o libro ilustrado e se convertiron en tres por petición popular. Falou Xabier Docampo dos libros Cando petan na porta pola noite e O pazo baleiro, pero ante todo falou de literatura e de lectura. Para el, e para nós, non hai camiño de formación máis libre e máis democrático que a lectura, que contén todos os modelos que nos ensinan a comprender o mundo cada vez mellor. Tal vez a lectura non nos faga máis listos, pero cada libro que perdemos fainos perder a oportunidade de selo. A lectura é polo tanto un camiño de busca persoal, onde podemos atopar aquilo que di de nós. Convértese nun dos actos de rebeldía máis grandes que se poden facer hoxe en día. Parafraseu Xabier a Woody Allen para afirmar que somos o resultado das decisións que tomamos ao longo da vida, e seguiu a mesma liña argumental cando no turno de preguntas dixo que os seus libros non eran de medo, senón de misterio, sobre a incapacidade do ser humano de chegar ao coñecemento total.
    Polo prolongado do turno de preguntas e do coloquio podemos asegurar que calou fondo o autor no alumnado, ao que desta vez si que felicitamos pola súa participación e receptividade. Ao final vai ser certo iso de que a lectura nos fai máis libres e democráticos. Agradecémoslle profundamente a Xabier ese coloquio amistoso co alumnado ao que deixou con ganas de ler aínda máis.