5.3.14

Con Marcos Calveiro na biblioteca

O luns 24 de febreiro, nunha xornada de carnaval no insti, visitounos Marcos Calveiro, autor do libro Palabras de auga que tiñamos traballado no club de lectura e máis na clase de 2º ESO B. Foi una sesión moi amena e instrutiva, na que Marcos, a través dunha presentación dixital, nos foi mostrando como se lle ocorreu a idea para a novela e como inventou para esta unha tribo a partir de diversos costumes e tribos africanas. Entre as cousas que chamaron a atención estiveron a especial configuración dos poboados (boma) e os costumes tan distintos dos nosos, como o feito de iren correndo para a escola, o andar seguido en busca de auga e o uso desta como instrumento. E dos costumes pasamos aos problemas: a seca na sabana por causa do cambio climático, o problema dos incendios polo cultivo de rozas e, sobre todo, pola explotación dos recursos naturais a cargo de compañías multinacionais, que utilizan o lume como método para desaloxar as tribos e que moitas veces actúan en connivencia con gobernos corruptos. E, como non, falounos dos nenos soldado, un problema que moitas veces se orixina no noso mundo a causa do consumismo, como ocorre coa explotación de nenos para a producción do Coltán que usan os nosos teléfonos móbiles.
Ao final, coma sempre, houbo un pouco tempo para asinar libros. Agradecémoslle a Marcos a súa visita e amabilidade. Para os mozos e mozas do club de lectura foi un auténtico placer escoitalo e aprender tantas cousas.

...

Ningún comentario: