2.12.15

Matilda

O pasado luns 30 de novembro reunímonos na biblioteca cun grupo bastante numeroso de alumnos de 1º da ESO para falar da novela de Roal Dahl, MATILDA.
Esta obra conta a vida da protagonista, Matilda, que dende moi pequeña decátase de que non ten nada en común con ningún membro da súa familia. Os seus pais non lle dedican ningunha atención e ela pasa as horas do día lendo libros. Un día descubre que ten poderes e decide utilizalos para axudar á única persoa que lle demostrou afecto: a súa profesora.
En xeral foi unha novela que todos os rapaces atoparon divertida malia que algúns deles destacaron que o final foi un pouco triste. Todos os nenos participaron achegando os seus diferentes puntos de vista e comentando as partes da obra que máis lle gustaran. Como se daba a casualidade de que moitos deles tamén viran a película baseada nesta obra, aproveitamos para comentar as similitudes e diferencias entre o libro e a película. 

Circunloquio

Onte, martes 24 de novembro, tivo lugar unha nova sesión do Circunloquio de lectura. Como nas anteriores edicións, reunímonos, nesta ocasión, doce profesores e profesoras para conversar sobre lecturas, aderezados cunha boa bebida e saborosos "pinchiños". Sempre resulta un grato pracer no que todos e todas aprendemos e descubrimos novas tentacións lectoras que compartimos con todos vós.

Estas son as suxestións que fixo cada persoa:


Ángeles López Rielo:
Cristina Fernández:
Luz Valencia:
Marisol Mariño:

Ana López:
  • OLGA ALONSO, Los sueños rotos
Fonso Piñeiro: 
Ana Álvarez:
Dani Rodríguez:
Susana Ferreiro:
Pilar Ramos:
Celia García Fole:


27.11.15

Contacontos inglés-galego


A nosa storyteller de cabeceira, Charo Pita, visitounos de novo para deleitarnos coas súas historias e o seu canto. O seu compañeiro de tantos anos, Tim Bowley, decidiu que era tempo de adicarse a un público diferente, os seus netos, así que este ano, iníciase un novo tandem que se estrenou no noso centro. Sophie Heydel é unha narradora británica afincada en España que leva traballando con nenos e adolescentes moitos anos. Sophie aportou novos contos recollidos da tradición oral por todo o mundo,  aínda que tamén poidemos escoitar algúns dos vellos favoritos.

Unha vez máis, o alumnado de 1º de bacharelato disfrutou dos contos, algúns deles con participación do público. Agradecemos a colaboración da Editorial Santillana/Richmond que fai posible co seu patrocinio que unha tradición tan apegada á nosa cultura se renove cada curso.

20.11.15

Videoxogo ecity-project

O pasado 3 de novembro, nunha colaboración entre o departamento de Tecnoloxía e a Biblioteca do IES, o alumnado de 1º Bacharelato A participou en calidade de beta-testers do videoxogo ECITY, un proxecto europeo que ten coma meta fomentar o interese do alumnado de secundaria na enxeñería. O xogo consiste en simular o desenvolvemento dunha cidade (dun xeito similar ao coñecido videoxogo SIMCITY) o cal permite prantexar distintos problemas ou escenarios baseados en distintos aspectos da enxeñería: telecomunicacións, infraestruturas...



Estivo con nós Melisa Rodríguez, investigadora da Universidade de Vigo (facultade de Telecomunicacións), presentando o videoxogo e a súa interface. O alumnado tivo media hora para xogar ao modo básico e logo tiveron que afrontar un reto (en grupos de 3, pois non temos suficientes ordenadores): o subministro enerxético dunha cidade. Varios grupos foron quen de superar o reto no escaso tempo dispoñible (preto de 25 min). Nesta actividade o alumnado tivo que repasar conceptos coma alta, media e baixa tensión, transformadores, potencia eléctrica...

En xeral foi unha experiencia moi interesante, a xuízo do alumnado . A intención do departamento de Tecnoloxía é incluír este videoxogo (e outro similares) na programación curricular futura.


Atrévete a sentir




O pasado xoves tivo lugar na Biblioteca
do instituto o  Obradoiro "Atrévete a sentir" impartido por Dinorah dentro do Programa de Educación Emocional que está a levar a cabo o Departamento de Filosofía coordinado por Mercedes Oliveira en 3º e 4º da ESO e en 1º D de Bacharelato. Nas diferentes sesións o alumnado tivo a oportunidade de conectar coas súas emocións con diferentes dinámicas completando así o traballo levado a cabo nas aulas.



16.11.15

O tema da morte na literatura xuvenil

Este mes de novembro estivemos traballando o tema da morte na literatura xuvenil. Seguimos un estupendo artigo elaborado pola profesora Anabel Sáiz Ripoll. Como conclusión, e para ilustrar o tema, realizamos a exposición que podedes ver na seguinte presentación:
 

21.10.15

Club Manga

O martes 6 de outubro tivemos a 1ª reunión do noso club de manga OTAKU ANIKI a que asistiu tod@ o alumnado interesado nesta arte e que quere participar nas actividades ao longo do novo curso. Coma no curso pasado, a asistencia foi moi numerosa  con alumn@s que repiten e novas incorporacións.  

Se queredes saber máis sobre o que se falou consultade o blog do Club de lectura.

13.10.15

Palabras de caramelo

O pasado luns reunímonos por primeira vez cos novos membros do club de lectura de 1º de ESO. O libro escollido é un libro sinxelo que non chega ás cen páxinas, pero con moita historia que contar.
Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure, fala dun neno saharaui xordomudo que, a través da conversa co seu camelo, chega a facer uns marabillosos poemas. Pero tamén fala da amizade, da morte e, desde logo, da situación dos refuxiados saharauis na  hamada, onde se ven obrigados a vivir. De todo iso e moito mais conversamos cos novos lectores e lectoras do club deste ano, aos que lles encantou o libro.
Un dos episodios conta como a mestra da escola do campo de refuxiados apréndella a ler e escribir ao protagonista, que así empeza a comunicar con palabras todo o que sente e todo o que fala con Caramelo. Como este tema deunos moito para reflexionar, puxemos uns fragmentos da película El milagro de Ana Sullivan, baseado nunha historia real,  que conta como no século XIX, a mestra Sulivan conseguiu aprender a falar, ler e escribir a unha  nena cega e xorda, e o cambio que supuxo para ela o dominio da linguaxe.
Como sempre, a hora non deu de si todo o que quixéramos. Iso si: todos demos boa conta do pastel e biscoito que trouxemos para acompañar a sesión.


BENVIDOS

Se chegache ata aquí é que es membro da biblio do Alexandre Bóveda.

Aprende o teu número de lector, que é para sempre e aproveita o que oferta esta biblioteca.

Agardamos as túas visitas.

11.6.15

THE WALL / O MURO, remate do proxecto

O obxectivo deste traballo foi reflexionar sobre os muros físicos e mentais que nos separan dos outros/as e de nós mesm@s. O fin último do proxecto era repensar as conductas físicas, psíquicas e verbais do alumnado para que a violencia, en calquera das súas manifestacións, sexa desenmascarada e erradicada.

O Equipo da Biblioteca participou na coordinación e desenvolvemento da actividade na que se involucraron activamente Ed. Plástica e Música; así como Ciencias Sociais , Lingua Española, Inglés e Ética.

No mes de xaneiro, co gallo do día da Paz, construíuse o muro. O alumnado de 4º ESO de Plástica fixeron os ladrillos e o departamento de Música traballou O Muro de Pink Floyd. Con todo isto fixemos unha performance o día da Paz a modo de inauguración do Muro á que asistiron o alumnado de 1º de ESO. Nesta inauguración leuse un manifesto e agasallouse a persoa escollida polo Seminario Galego para a Paz como exemplo neste ano académico 2014-15.

A partires deste momento o traballo continuou ao longo do curso: distintos departamentos reflexionaron sobre o tema dos muros e foron engadindo os traballos resultantes arredor do muro. Dentro destes traballo hai que destacar de novo ao departamento de Plástica que seguiu intervindo no muro con graffitis e poemas que ían colocando entre os ladrillos.

A última fase do proxecto consistiu nun acto simbólico, de novo convocamos ao alumnado de 1º de ESO para asistir ao derrubamento deste muro, lectura de textos e interpretación de temas musicais por parte do alumnado de 4º ESO.

10.6.15

Ler ao carón da auga

Esta é unha mostra das fotos que se realizaron para o concurso que convocou a biblioteca a partir do tema que traballamos este ano no PIN. Moitas das imaxes foron tomadas aproveitando a visita aos lavadoiros feita na actividade "O roteiro de Coia" ou na excursión que fixemos co alumnado do club de lectura a Rianxo, Cabío e Corrubedo.

27.5.15

O roteiro polos lavadoiros de Coia


Coa colaboración de moita xente o vindeiro Xoves 28 a partir das 18:00 h faremos unha nova edición do Roteiro por Coia aberta á veciñanza. En cada parada falaremos dun tema relacionado coa historia do barrio e os seus habitantes, ademais de ter actuacións musicais. Agardamos que veñades ou cando menos que axudedes a difundir a información. Máis info do roteiro na wiki: roteiroporcoia.wikispaces.com


A auga, o xabrón, a roupa, a cháchara… As risas, as chanzas, as angustias, os segredos…. Os lavadoiros, un espazo de encontro das mulleres.

Nunha sociedade cuxas relacións estaban segregadas en razón do xénero, o rol do home no exterior da casa, na fábrica ou na taberna, dono dos espazos de poder, mentres que o papel da muller ficaba no interior do fogar, responsable dos coidados da familia.

Nunha sociedade case que preindustrial, como podería ser a Coia de hai uns 70 ou 80 anos, as lavadoras eran máquinas de luxo ao que poucas familias poderían aspirar. A alternativa: o lavadoiro de pedra, que se converte así nun espazo de encontro da muller.

O xoves 28 de maio, ás 18:00 horas, partindo do IES Alexandre Bóveda, visitaremos algúns dos lavadoiros que aínda se conservan en Coia, vestixios anacrónicos dun pasado rural devorado por altos edificios e rúas asfaltadas. No percorrido, intercalado por actuacións musicais, tamén falaremos doutras historias da vella Coia: do pequeno poboado castrexo de O Castriño, dun pasado medieval que ás penas podemos albiscar, dunha Coia rural e mariñeira, do doloroso parto da Coia actual…

O itinerario do roteiro coas paradas é o seguinte:

Saída – 18h00: IES Alexandre Bóveda > San Martiño de Coia > Castro Castriño > Lavadoiros de Barxiela e Esturáns > Chegada – 20:00: Lavadoiro de Figueirido.

A actividade está enmarcada dentro do Roteiro por Coia, iniciativa do profesorado do IES Alexandre Bóveda, á cal vos convidamos.

Logo de rematar o roteiro, a partires das 20:00, temos festa con música e actuacións no local do Centro Cultural Autoxestionado “DISTRITO 9” (Camiño do Figueirido 89, Vigo).
Organizan: Roteiro por Coia, IES Alexandre Bóveda, Espazo Alicerces, A.VV. O Torreiro de Coia e Distrito 9.

8.5.15

CLUB DE MANGA: OTAKU ANIKI con Norberto Fernández Serrano


O pasado luns 27 de abril reunímonos o club de manga OTAKU ANIKI ás 14.15 horas na biblioteca para levar a cabo o 1º obradoiro de debuxo de Manga. Contamos coa presencia de Norberto Fernández Serrano, debuxante de comics e manga con unha dilatada traxectoria en numerosas publicacións de España (Ed. Xerais. Golfiño…) e USA (Marvel comics, Image…).

Os  asistentes, todos de 1º da ESO pois tivemos que dividir o grupo para que a actividade fora o máis aproveitable posible, estiveron moi atentos ás explicacións de Norberto que dun xeito práctico, foi debuxando diversos personaxes e actitudes para iniciarse no debuxo dos mangas.

Pouco a pouco na pizarra debuxados por Norberto foron aparecendo personaxes femininos e masculinos acompañados de armas e accesorios cheos de fantasía, pois o manga é un xénero aberto á imaxinación e á creatividade. Os rapaces e rapazas, á vez que seguían as explicacións, debuxaban as súas propias creacións. Rematamos os últimos minutos co traballo individual onde cada un foi perfeccionando os esbozos que crearan ao longo do obradoiro.
Cando tocou o timbre para iniciar as clases da tarde, Norberto agradeceu o interés e bo comportamento dos asistentes e eles agradeceron o seu traballo cun forte aplauso e unha longa “cola” para que Norberto firmase o seu primeiro debuxo manga neste club.

3.5.15

Celebración do Día do Libro

Para conmemorar o Día do Libro a Biblio do Alexandre Bóveda organizou as seguintes actividades:
1.- Concurso fotográfico "Ler ao carón da auga": vinculado ao proxecto interdisciplinar que este curso está adicado as AUGAS DE GALICIA, a biblio pon en marcha este concurso para todo o alumnado.
2.- Intercambio de lecturas: o alumnado dos distintos niveis da ESO compartiron lecturas nas aulas. 1º ESO leron aos compañeir@s de 2º LA FRAGA DE CECEBRE de Fernández Florez; os de 2º leron aos compañeir@s de 1º DOUS CONTOS de Antonio Reigosa do libro "A noite dos pesadelos"; Os de 3º de ESO leron aos compañeir@s de 4º SOBRE A MORTE DE BIEITO de Rafael Dieste ou O AMIGO DELMIRO de Gonzalo Navaza; e os de 4º ESO leron para os compañeir@s de 3º DESDE AS TEBRAS, UNHA CARTA DE AMOR, de Fran Alonso.
3.- Obradoiro de MANGA: Norberto Fdez, debuxante de comic, impartiu unha clase práctica de debuxo de manga para o alumnado do club de Manga OTAKU ANIKI.

26.3.15

Circunloquio 2

O xoves 26 de marzo reunímonos novamente un grupo de profes para falar dos nosos libros favoritos. As suxestións de lectura neste 2º Circunloquio foron:
PACO ROCA, Los surcos del azar; CYRIL PEDROSA, Portugal (Dani)
V. DEL ÁRBOL, Un millón de gotasVARGAS LLOSA, La fiesta del chivo (Pilar)
TAKESHI KITANO, Kikujuro e Saki;  
BUSQUETS, También esto pasará  (Ángeles)
PENNAC, Como unha novela; ORSENNA, La isla de las paalabras (Luz Valencia)
LEYSON, El chico sobre la caja de madera; G. GRASS,  A paso de cangrejo (Paz)
CLAUDEL, El informe Brodeck; ESCANDÓN, Transportes González e hija (Ana López) 
ROTH P., Patrimonio (Marisol)
 SARAMAGO, Ensayo sobre la ceguera; F. PEETERS, Píldoras azules (Celia)

Podedes saber algo máis de cada libro picando sobre as imaxes. 

Visita dos mestres E-TRAD

Hoxe recibimos a visita dos mestres da Escola Municipal de Música Tradicional. Coñecimos os instrumentos (gaita, vioín,zanfona...),botaron unhas pezas e participamos cantando e tocando con eles o "Chote de Leirado".

Aquí vos deixamos o video e as fotos:

 


26.2.15

O valor da palabra. De charla con Fina Casalderrey

      Venres 20 de febreiro. No salón de actos do instituto, e ante unha morea de rapaces e rapazas de 2º de ESO, pasamos un momento de agradable charla coa escritora.
     O ENDL do centro, seguindo unha tradición xa vella no instituto, considera que a visita de escritores e escritoras é positiva para facer máis perdurable a lectura e, de ser preciso, aclarar algún interrogante que poida xurdir. E con este propósito foi invitada Fina Casalderrey, unha vez que o alumnado leu A Pomba e o Degolado.
     Neste caso, se tivésemos que titular o tema da charla, diriamos que foi: O valor da palabra.
     Porque a autora quixo facernos ver que coa palabra podemos soñar, enfadar, negar, convencer, decepcionar...
     Empezou facendo unha breve sinopse da súa infancia... sen libros. Pero coa astucia dos bos narradores, convenceu ao alumnado de que a súa casa era unha gran biblioteca, cuns pais cultísimos, cun ambiente social moi lido... E enganounos. E aí empezou a súa estratexia: a de convencer (ou enganar) coa palabra.
     Falounos da orixe, ao seu modo de ver, da literatura (oral, por suposto):

      Un xogador de cartas, contándolles aos compañeiros de partida, que un lobo, achegándose pouco a pouco, o comeu. E os outros xogadores (e nós tamén) creron.
Velaí o comezo da narración.

     Falounos de como naceu este libro. De como as vivencias poden ser o primeiro paso para fabular historias máis complexas:

     Un seu alumno, con problemas familiares dolorosos, repetía e repetía e repetía    curso. E cando ela lle mandaba contar unha historia, sempre escribía a mesma...    ficticia, claro: un pai problemático, unha nai máis rara aínda... e un neno perdido.

Unha historia que vai ser o xerme de A Pomba e o Degolado.

E quixo tamén pór en valor a literatura en papel, pero sen esquecer que calquera soporte pode ser positivo para contar historias.

E contounos o caso dun seu amigo que buscaba unha editorial para publicar unha novela e, como non a encontraba, optou por publicala na rede. Tantas visitas tivo que unha editorial convencional lla quixo editar.

 
Porque calquera medio vale para emocionar.

E unha vez que ela rematou, houbo un interesante coloquio, con preguntas dos rapaces e rapazas en torno a cuestións tan diversas coma o seu interese polas empanadas. (Algún neno sabía do seu    O libro da empanada e preguntoulle da relación entre contar historias e facer empanadas. E haina, ao parecer).
Firma e dedicatoria de libros... e ata a próxima... porque continuaremos.

19.2.15

Francisco Castro cos clubs de lectura

O luns 9 de Febreiro, mozos e mozas dos clubs de lectura recibiron a visita do escritor Francisco Castro. Foi una sesión conxunta de posta en común co autor, xa que tiñan lidas tres obras del: Chamádeme Simbad, O neno can, e O Corazón da Branca de Neve.

Falou  Francisco da importancia da lectura como motor de cambio, de que se fixo escritor para cambiar o mundo e do afortunado que se sinte de facer o que máis lle gusta na vida. Nas súas obras sempre hai reflectido algún aspecto social de relevancia e sobre o que necesitamos reflexionar.

Dinos que escribiu Chamádeme Simbad para contarlle ao seu fillo que a avoa empezaba a ter alzheimer, pero sen dramatismos e dun xeito divertido para que calquera poida comprendelo. E a súa charla transcorría tamén nese ambiente distendido e divertido mentres tocaba temas de fondo calado.
Comentounos tamén a experiencia de escribir O neno can a dúas mans con Fina Casalderrey, e o esixente que foi a experiencia e do que supuxo para eles tratar de mostrar a situación precaria da infancia en lugares aos que non lles prestamos atención
.
En O Corazón da Branca de Neve fálanos do drama que supón o roubo dun fillo,  pero tamén se deixan ver outras perdas que quedan máis ocultas por culpa dos clixés sociais, como é o caso da anorexia. Francisco recórdalles sobre todo ás nenas que non se deixen presionar pola cultura do corpo perfecto.

Na quenda de preguntas, tivo a ben  explicar o, segundo o alumnado, precipitado final de O Corazón da Branca de Neve. Explicounos que, sendo una novela por entregas, a súa construción tiña que cumprir uns requisitos: 31 capítulos que non podían pasar dos 3550 carácteres para seren publicados a razón de un capítulo por día. A parte da importante labor de lima, non se podía deixar perder o interese ata o final. Tamén houbo preguntas sobre o título da obra, e a resposta saíu do propio auditorio.

Os rapaces e rapazas que asistiron consideran que é moi simpático e interesante,  e que lles fixo pensar ao tempo que lles fixo rir. Ao final, una restra de libros para firmar, algúns xa incluso coa última obra do autor, Tes ata as dez, da que seguramente terá que vir a falarnos no próximo curso.
E non faltaron as fotos con el, que o propio autor subiu ao seu facebook.

13.2.15

Exposición sobre o cómic galego

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística elaborou esta reseña na que se explica o traballo realizado por este departamento sobre a BANDA DESEÑADA GALEGA:

Un mes para dar a coñecer o cómic galego.
  O ENDL, con axuda doutros compañeiros e compañeiras, preparamos un traballo divulgativo das obras máis representativas do cómic galego, desde os seus comezos ata a actualidade.

 En dous grandes paneis expuxemos unhas pequenas reseñas dos títulos: a data de nacemento da revista, os temas, as súas características tipográficas... Unha mínima información que as definise.

 Á vez elaborouse unha biografía, tamén en grandes paneis e ilustrada, da obra de Kiko da Silva (que tiñamos previsto que nos visitase pero, por motivos alleos ao noso traballo, finalmente non acudiu ao centro).
 E presentamos unha ampla variedade de títulos orixinais: Retranca, BDBanda, Trazo de Tiza, Fiz e Os Biosbardos,… para que o alumnado puidese “tocar” e “ver” os textos.

 E preparamos
 1. Unhas preguntas-concurso para visitar a exposición. 
 2. Un concurso de contos ilustrados a partir de textos de Castelao, Dieste e Ferrín, aberto á participación de todo o alumnado.

 O traballo contou ademais cunha implicación doutros departamentos que non quero deixar de recoñecer:
 1. O noso compañeiro Ildefonso, polo préstamo de material (informativo e de revistas). 
 2. O departamento de Plástica que introduciu ao alumnado do primeiro ciclo na linguaxe do cómic. E eles mesmos elaboraron tiras cómicas variadas, que tamén expuxemos. 
 3. O departamento de Lingua Galega e Literatura (ademais de compañeiras de Filosofía e Lingua Castelá) que leu os contos na clase e animou ao alumnado a ilustralos. 
 4. O grupo de traballo da biblioteca que prestou todos os cómics que se lle solicitaron para expoñer na entrada do centro e “visibilizar” así o que estaba nos paneis. 
 5. A profesora de Educación Física, Sara Pérez, pola súa desinteresada dedicación e as súas artísticas recomendacións. 
 6. A Dirección que ofreceu todo tipo de facilidades para a elaboración deste traballo. 
 7. E ao resto do profesorado que visitou e celebrou o traballo realizado. 

 Contamos coa ilusión dos ilustradores e co seu bo facer (tal e como indican os múltiples premios que se outorgan). 
 Contamos con escritores de historias chispeantes, actuais e comprometidas. Precisamos o compromiso da Administración… e dos lectores. 
E con iso, como dicía Cunqueiro, a banda deseñada terá mil primaveras máis. 

12.2.15

Faladoiro - Roteiro polo barrio de Coia

O pasado martes, ao longo das dúas últimas horas, o alumnado de 1º de Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais participou no faladoiro organizado polo "Roteiro polo barrio de Coia". 

Pura, unha veciña de 90 anos, que tivo no Turreiro unha tenda das de sempre;  Ángel, veciño de toda a vida de Coia; Margatita e Aurita, representantes da Asociación feminista Dorna, ligada ao movemento veciñal, reuníronse na bibioteca  para falar do barrio coa intención de tirar os muros que separan a nova e antiga veciñanza. Pura e Ángel expicaron o trauma que supuxo a desaparición da vela  aldea de  Coia coa incorporación do polígono de vivendad e os novos veciños;  pola súa banda, estes novos veciños describiron a súa chegada a un espazo sen servizos e a súa loita ata conseguir  o barrio actual.

Despois de comentar as súas vivenzas e relexionar sobre os muros que os separan,  determinaron derrubar eses muros e traballar xuntos na procura dun Centro Cultural, lugar de reunión e comunicación.

6.2.15

Día Escolar pola Paz

A partir da celebración do Día Escolar pola Paz xurdiu a idea de relexionar sobre OS MUROS.  Reunimos ao profesorado interesado mediante esta convocatoria.

Como primeiro acto, o día 30 de xaneiro, puxéronse as primeiras pedras do muro, limos o manifesto e o alumnado interpretou "The wall" de Pink Floyd.


5.2.15

VI CONCURSO DE PROBLEMAS E V DE RELATOS MATEMÁTICOS

O Departamento de Matemáticas convoca un ano máis -como parte do Plan Lector- o VI CONCURSO DE PROBLEMAS E V DE RELATOS MATEMÁTICOS para os alumnos do Alexandre Bóveda.
O noso querido personaxe Leo Pi e a vosa nova compañeira Xiana contaránvos as súas historias, este ano relacionadas co tema do proxecto interdisciplinar do Centro: "Augas, fontes, ríos...e mares de Galicia". Nelas vivirán situacións “problemáticas” que eles, coa vosa axuda, resolverán grazas a vosa sabeduría matemática.
Moita sorte.

 Recordade as bases:
Participantes:

  • Todos os alumnos da ESO están invitados a participar no concurso de problemas.
  • Os alumnos - ESO e Bacharelato- están invitados a participar no concurso de relatos matemáticos.

Prazos:

  • Problemas: recollida da historia-problema o xoves 5 de febreiro na conserxería e entrega límite de respostas o martes 10.
  • Relatos: do 5 a finais de febreiro.

30.1.15

Concurso de marcapáxinas



As alumnas de 1ºESO A: Sara Casares, María Casau, María Casares, Raquel Pérez e Jénnifer Fernández de 1ºESO B, foron as gañadoras do concurso de marcapáxinas organizado pola nosa biblioteca.


E  foron premiadas pola súa participación, interese e bo facer.




29.1.15

Crispín D'Olot

O xograr leonés Crispín D´Olot fixo un repaso do máis destacado da literatura española medieval, renacentista e barroca do que poido disfrutar o alumnado de 1º bacharelato e 3ºESO. Todos gozamos coa súa representación, a música coa que acompañaba sempre aos textos e a implicación co público.