11.6.15

THE WALL / O MURO, remate do proxecto

O obxectivo deste traballo foi reflexionar sobre os muros físicos e mentais que nos separan dos outros/as e de nós mesm@s. O fin último do proxecto era repensar as conductas físicas, psíquicas e verbais do alumnado para que a violencia, en calquera das súas manifestacións, sexa desenmascarada e erradicada.

O Equipo da Biblioteca participou na coordinación e desenvolvemento da actividade na que se involucraron activamente Ed. Plástica e Música; así como Ciencias Sociais , Lingua Española, Inglés e Ética.

No mes de xaneiro, co gallo do día da Paz, construíuse o muro. O alumnado de 4º ESO de Plástica fixeron os ladrillos e o departamento de Música traballou O Muro de Pink Floyd. Con todo isto fixemos unha performance o día da Paz a modo de inauguración do Muro á que asistiron o alumnado de 1º de ESO. Nesta inauguración leuse un manifesto e agasallouse a persoa escollida polo Seminario Galego para a Paz como exemplo neste ano académico 2014-15.

A partires deste momento o traballo continuou ao longo do curso: distintos departamentos reflexionaron sobre o tema dos muros e foron engadindo os traballos resultantes arredor do muro. Dentro destes traballo hai que destacar de novo ao departamento de Plástica que seguiu intervindo no muro con graffitis e poemas que ían colocando entre os ladrillos.

A última fase do proxecto consistiu nun acto simbólico, de novo convocamos ao alumnado de 1º de ESO para asistir ao derrubamento deste muro, lectura de textos e interpretación de temas musicais por parte do alumnado de 4º ESO.

10.6.15

Ler ao carón da auga

Esta é unha mostra das fotos que se realizaron para o concurso que convocou a biblioteca a partir do tema que traballamos este ano no PIN. Moitas das imaxes foron tomadas aproveitando a visita aos lavadoiros feita na actividade "O roteiro de Coia" ou na excursión que fixemos co alumnado do club de lectura a Rianxo, Cabío e Corrubedo.