22.12.16

Mercadillo solidario

Como o curso pasado, o alumnado de 1º Bacharelato do IES Alexandre Bóveda organizou un Mercadillo Solidario de Nadal durante a derradeira semana do trimestre. 

A actividade foi o resultado do traballo sobre Comercio Xusto, entre outros temas, que se desenvolveu nas clases de Ciencias Sociais con Ana Álvarez e a colaboración de Luz Valencia. 

Durante os dous recreos de luns a mércores  grupos de alumnos e alumnas turnáronse para atender o posto con productos de Comercio Xusto de OXFAM, básicamente artesanía e alimentación. A participación foi moi alta. Toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, personal de conserxería e mesmo nais e pais, que viñan á titoría,  participou con entusiasmo, chegando a desbordar as expectativas máis optimistas.


Nas contas finais, acadamos un total de arredor de 650 euros, o mesmo que o curso pasado, un resultado estupendo tendo en conta que este ano só abrimos tres días e non cinco. Pódese considerar un éxito que nos anima aínda máis a repetir a experiencia en cursos vindeiros.

18.12.16

Actividade sobre refuxiados – OXFAM Intermon




O día 15 de decembro organizamos no IES Alexandre Bóveda unha actividade conxunta entre o Departamento de Historia (Ana Álvarez) e OXFAM Intermon (Cristina Pereiro, Ana Alonso y Luz Valencia) para incidir no tema dos refuxiados, un tema co que levan traballando na clase de historia todo este trimestre.

A actividade desenvolveuse con dous grupos de 1º BAC. Foi presentada como unha actividade de “xogo de rol”, para o que se pediron sete voluntarios/as. A cada un  dos cinco primeiros asignouselle unha personalidade e un punto de vista de partida. Á hora da comida familiar, pai, nai, fillo e avoa teñen que reaccionar ante a proposta da filla: acoller a unha familia de refuxiados sirios durante un ano na casa da praia que apenas usan. Cada un dos “actores/actrices” foi desenvolvendo os argumentos que consideraron adecuados para xustificar a súa postura inicial. Os outros dos voluntarios actuaron como testemuñas, tomando nota dos argumentos máis importantes e facendo un resumo ao final da discusión.

Logo abreuse un debate moi animado co resto do alumnado, no que participaron respostando ás preguntas das profes, que aportaban datos e propoñían novos puntos de vista e de reflexión. Os alumnos e alumnas participaron moito, falando de experiencias persoais, expresando opinións propias e tamén recollidas no ámbito familiar, escolar, etc.

A actividade rematou coa elaboración dun “muro” onde quedaron colgadas as reflexións persoais recollidas en frases breves. 

Este tipo de actividade ten a particularidade que non se limita a ofrecer unha soa visión do tema, senón que nos aproxima á unha situación máis real e permite unha participación moito máis aberta. Era a primeira vez que as compañeiras de OXFAM Intermon a poñían en práctica e podemos dicir que o resultado foi moi ben valorado por todos os participantes. Haberá que repetila!

2.12.16

Cabalos e lobos


O luns 28 de novembro fixemos a  primeira sesión do club de lectura (2ºESO-1ºBAC) do curso 2016-17. Empezamos con “Cabalos e lobos” de Fran P. Lorenzo. Asistiron 20 alumnos.

O comezo da sesión,  a opinión xeneralizada era que non lles gustara moito e algunhas partes lles resultaran difíciles de comprender, especialmente para os de 2º da ESO. Tamén lles costou descubrir os distintos planos temporais da trama. 

Nembargantes, cando empezamos a falar dos distintos temas que trata a novela -o desenrolo da cidade de Vigo, a peculiaridade da rúa “Privada moderna”, a importancia xeoestratéxica da cidade nos anos da 2º Guerra Mundial- comprenderon mellor o libro e descubriron unha parte da historia da cidade para eles completamente descoñecida, incluso fisicamente.


Pero sen dúbidas, o tema que suscitou máis debate e interacción foi o tratamento da homosexualidade, a represión, vergoña e secretismo que vivira o tío da protagonista e a naturalidade como a vive Thomas, o fillo da protagonista.

Encontros Clubs de Manga



Ao noso club de Manga “OTAKU BAND” tocoulle organizar un novo encontro de clubs de Manga neste inicio do curso 2016-17.O Desta vez a participación aumentou cun novo centro, o IES Escolas Proval uniuse ao IES Alvaro Cunqueiro (Coia 4) e aos dous centros de Moaña, o IES Paralaia e o IES As Barxas; xa somos unha banda!!!


Para este encontro organizamos todo tipo de concursos: de Pokemon, anime, ttutti frutti, de debuxo e ata unha Ginkana. Participou alumnado de todos os centros e entregamos premios ás gañadoras e gañadores. Pero quizáis unha das actividades máis divertidas  foi o Karaoke onde quedou demostrado o gran nivel dos participantes.

Durante a mañá, logo dunha benvida con “batallas” que preparamos os membros do club, fixemos os concursos de debuxo, pokemon e ttutti frutti. Logo marchamos cara a sala de teatro Ártika, onde asistimos á representación moi divertida e interactiva “Como sobrevivir a unha apocalipsis zombi”. 



Regresamos ao insti para comer e desenvolver as activiades da tarde. Durante a comida poidemos coñecernos e compartir as nosa paixón polo mundo manga. Tamén botamos unhas risas na ginkana por equipos no ximnasio.




De volta ao salón de actos, Curro, o profe do IES Paralaia de Moaña, volveu a entisuasmarnos cun novo proxecto: unha COMICON, para a primaveira, de dous días, venres e sábado, na que nos invita a participar. Un gran proxecto ao que nos imos a sumar entusiasmados.



Xa pola tarde o concurso de anime e o karaoke puso afin a un día magnífico, divertido e que, a pesares do esforzo, mereceu a pena pois marchamos todos e todas con novos proxectos e, o que é máis importante, novos amig@s.

1.12.16

Pili-Vigo


Un ano máis o alumnado de 4ºESO participou no programa PILI-VIGO, organizado polo Concello.
E un ano máis deron conta da súa experiencia nos diarios promovidos polo Departamento de Lingua inglesa. 

A biblioteca expuso estes traballos nos que se recollían, entre outras, a emoción da despedida no aeroporto, de convivir cunha nova familia, adaptarse a un sistema educativo diferente, levar uniforme, facer novas amizades e empaparse de inglés.

28.11.16

Día Contra a Violencia de Xénero


O venres 25 de novembro o noso instituto participou co alumnado de 4ºESO no ENLAZA VIGO, a iniciativa contra a violencia de xénero desenvolvida pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.



A Biblioteca, a partir desta iniciativa, realizou unha serie de propostas, para as que pedimos a colaboración do profesorado:


Coa intención de que o profesorado traballara o tema co seu alumnado, facilitou unha fotocopia con información e diferentes recursos sobre o tema “OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO”.



Nas novelas da biblioteca, en que está presente o “amor romántico” colocamos un díptico informativo sobre os 8 mitos propostos pola Concellería.

Entregamos unha pulseira violeta a cada membro da  comunidade educativa


Visibilizamos esta reflexión cunhas siluetas que prestou o concello e que expuxemos no vestíbulo do instituto.





18.11.16

Cando petan na porta pola noite


O pasado luns 14 de novembro tivemos a nosa primeira reunión do Club de lectura coas lectoras e lectores de 1º de ESO. O libro que escollemos foi Cando petan na porta pola noite, de Xavier P. Docampo, unha colección de catro narracións curtas de medo e que gañou hai uns anos o Premio Nacional de Literatura Infantil. Estes relatos arrepiantes gustáronnos moito a todos: cheas de crimes, aparecidos e misterio, son desas historias para contar de noite, entre amigos. Como di o seu autor, para contar ao carón do lume. Ao fío desas historias terroríficas, tamén xurdiu o relato de lendas urbanas como a da autoestopista da curva, que teñen moito que ver coas que lemos no libro de Docampo.
A reunión foi, como sempre, amena e divertida. Como as demais, tamén foi endulzada con algunha que outra larpeirada.

16.11.16

Lecturas en cadea


@s máis lectores da Bibliobóveda gustan de ler en cadea. Algúns libros saben a pouco e é necesario continuar.
Xogo de Tronos, Eidolon , Proxecto Amanda, Eleanor y Parks, Wonder, Os megatoxos, El club de las zapatillas rojas, e outros moitos títulos que enchen os nosos andeis.
Uns libros hai que lelos seguindo unha orde numérica, con outros non é necesario. A cuestión é poder seguir gozando cunhas lecturas que encadean.


19.10.16

Taller de debuxo de MANGA




O luns 17 de outubro visitou de novo o noso Club de Manga  o ilustrador Norberto Fernández.. Dende as 3 da tarde ata as 4.30, as compañeiras e compañeiros do club de Manga compartimos a nosa afición por ese mundo fantástico co ilustrador  quen  desvelou os segredos de debuxar personaxes e historias. 


A nosa vindeira cita será o Encontro de Clubs de Manga dos institutos Álvaro Cunqueiro, Paralaia, As Barxas  e Alexandre Bóveda. Esta vez actuaremos de anfitrións e xa estamos a traballar arreo.



O club de Manga OTAKU BAND está en marcha!!!


20.9.16

Curso 2016-2017


Estamos novamente aquí. 

Se es de 1ºESO pronto nos veremos para ensinarche a biblio do instituto, como debes moverte por ela e todo o que che oferta.


Agardamos recibir moitas visitas, estamos aquí para axudarte, ti debes aprender o teu número de lector, é para sempre, e respetar as normas.

22.6.16

Historias da conserxaría

Estes son os contiños que inventaron alumnos e alumnas de 3ºESO sobre o que pode acontecer na conserxaría do instituto ao longo dun curso.

16.6.16

Calvin y Hobbes


Esta semana tivo lugar a derradeira sesión do club de lectura. Nesta ocasión charlamos sobre Calvin y Hobbes. Pensamos que a estas alturas de curso era mellor unha lectura "lixeiriña" e que nos levara a esquecer o costoso da recta final. Por iso, aconsellados por Dani, o noso profe de cabeceira no que a cómic se refire, mergullamos nas tiras de   Bill Watterson, un grande do xénero.

Foi, precisamente, Dani o encargado de abrir a charla cunha pequena semblanza do autor. Destacou como, despois de dez anos publicando as súas tiras diariamente, cando estaba na cima do éxito, decidiu deixalo para, como él mesmo indica na carta de despedida "traballar a un ritmo máis meditativo". Dani salientou a integridade deste creador que dende sempre renunciou a que os seus persoaxe saíran das tiras para seren utilizados en merchandising.


Despois de compartir impresións xerais sobre a obra,  pasamos a reflexionar sobre as personalidades de  Calvin, Hobbes, a nai, o pai, Susie, o matón Moe, a profe Carcoma ou mesmo o Capitán Spiff, ese alter ego aventureiro de Calvin. Falamos da intertextualidade presente na obra , dos superheroes, do cine de suspense e aventuras e mesmo da literatura que hai detrás deste cómic. Proxectamos varias tiras para analizar a imaxe, o encadre das viñetas, que desaparece cando o autor precisa que todo flúa, a distibución do espazo, a cor, o texto...

E comprobamos que baixo a apariencia de lectura "lixeira", late unha profunda reflexión sobre a política, os costumes, a sociedade, a familia, a vida.

Todo, por suposto moi ben aderezado con suculentos e exquisitos doces, elaborados non só polos profes, pois temos entre o alumnado lector estupendos reposteiros.


O vindeiro curso... CONTINUARÁ



2.6.16

Animación á lectura

Mirade  que cousiñas fai o alumnado nas clases de inglés para compartir as lecturas cos seus compañeiros e animalos a gozar con elas:



Luz Valencia, canto te imos botar de menos!!!

1.6.16

Roteiro de Coia: faladoiro


A biblioteca volveu a acoller o faladoiro organizado polo equipo do Roteiro polo barrio de Coia que se celebró o venres 20 de maio co alumnado do bacharelato de socias e humanidades.

Neste curso están a traballar os temas das industrias que había en Coia antes da reconversión industrial. No faladoiro participaron traballadores e traballadoras xubilados de distintas empresas que compartiron as súas vivenzas e experiencias e plantexaron cuestións de actualidade relacionadas co mundo laboral. 



Esta actividade se completa cunha exposición na entrada do instituto sobre a Galicia Industrial, e un mural cun plano da Coia tradicional onde se sitúan estas industrias, hoxe desaparecidas ou en mans de capital estranxeiro, coma nos relataron os participantes no faladoiro.

29.5.16

Ruta Literaria “CANCIONEIRO DE MONFORTE”

Con Manuel María, homenaxeado das Letras Galegas 2016

O venres 27 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Monforte de Lemos. O concello achegounos unha ruta e un acompañante que nos levou por distintos puntos da vila seguindo o Cancioneiro de Moforte de Manuel María, escritor que viviu a meirande parte da súa vida nesta vila lucense. Cada alumno ía provisto dos poemas e un plano de Monforte para situarnos no percorrido.
Comezamos a visita guiada no Campo da Compañía e o Mosteiro dos Escolapios. Neste espazo fixemos visita á capela e a escaleira do colexio, onde fixemos as primeiras lecturas: Eu nacín en outono e Cancionciña en lembranza da festa das reliquias. Seguimos achegándonos ao tranquilo río Cabe, onde lemos Poemiña do río Cabe. Pasamos agora pola Ponte Vella e chegamos ao Convento de Santa Clara, aquí lemos a Canción da Ponte Vella e Convento de Santa Clara. Despois visitamos, sempre atentos ás explicacións do guía, o centro de interpretación do viño da Ribeira Sacra, antigo concello onde realizou o seu traballo Manuel María como procurador. Neste precioso espazo realizamos a lectura da Canción da Vendima.

A continuación marchamos cara á Praza de España e lemos o poema adicado a Inés de Castro, logo de escoitar a súa apaixonante historia. Subimos despois polas estreitas rúas do Monforte Medieval, pasando pola xudería, visitando as dúas portas que aínda quedan en pé da antiga muralla. Chegamos ao Monte de San Vicente, onde está o Pazo, o Mosteiro e a Torre. Lemos aquí o poema Monte de San Vicente do Pino, ao tempo que desfrutamos dunha marabillosa vista de Monforte. Baixamos novamente cara ao centro, paseamos pola rúa do Cardenal e rematamos no busto que a vila ten adicado ao escritor. Aquí lemos Canción da rúa do cardenal e Carné de identidade.

Pola tarde aproveitamos a viaxe de volta para visitar o convento cisterciense das Bernardas en Ferreira de Pantón. Aquí fixemos entrega dun agasallo a Pedro Mirón, alumno do instituto que remata este ano 2º de bacharelato e que foi un colaborador e fiel participante no Club de Lectura durante a súa estadía no noso centro. Completamos a viaxe cun paseo polo casco de Ribadavia. Un día completo e moi ben aproveitado.





25.5.16

Proxecto interdisciplinar "Forro polar vermello"

En cursos anteriores, partindo da existencia da materia de Proxecto Interdisciplinar de 1º da ESO, faciamos extensiva a proposta a todo o  centro  participando desde as distintas materias. 

Durante o presente curso, e para non esquecer a idea que viñamos levando a cabo, abordamos a problemática da Globalización e o Comercio Xusto, a partir da lectura dun texto que xa leva anos circulando pola biblioteca e que sempre foi considerado de interés para o alumnado: La vuelta al mundo de un forro polar rojo. Pequeña historia de la gran globalización de Wolfgang Korn y publicado por Ediciones Siruela. 

Este proxecto foi levado a cabo no nivel de 3º da ESO e a partir das distintas materias do profesorado implicado, ademáis da Biblioteca. Alumnado e profesorado lemos o libro para abordar o tema partindo da súa lectura. O obxectivo do traballo foi reflexionar sobre o fenómeno da globalización, o consumo responsable, a man de obra barata en condicións laboráis inxustas, a ecoloxía e a reciclaxe, a inmigración a Europa dos habitantes de zonas empobrecidas...

Dende o Departamento de Lengua Castelá traballouse o resumo por capítulos, ideas principais,
personaxes relevantes e comentario crítico da lectura, facendo una reseña que debían colgar no blog do proxecto.

O Departamento de Tecnoloxía traballou sobre os plásticos e derivados do petróleo, a súa composición e posibilidades de reciclaxe e vida útil.

O Departamento de Física e Química  a composición do téxtil, materias textís do futuro e as posibilidades de reciclaxe da roupa que utilizamos. O Departamento de Ciencias Sociais 

O Departamento de inglés  Este traballo nas aulas foi completado cunha charla para o alumnado participante, ofrecida por colaboradoras da tenda de Vigo de Oxfam, Comercio Xusto.


13.5.16

Memorias dun neno labrego

O pasado 20 de abril latamos clase o grupiño do club de lectura para achegarnos ao museo etnográfico da fundación Liste, na rúa da Pastora. Alí fixemos a sesión correspondente ao libro de Xosé Neira Vilas, que é de certo un dos clásicos da nosa literatura.


 Primeiro realizamos unha visita adaptada ás historias do Balbino, que

preparou cunha dedicación que é de agradecer o persoal deste museo. Repasamos os oficios, os apeiros e obxectos da vida cotián e ritual empregados até fai ben pouco nas aldeas galegas. 



 Despois saímos ao ar libre para comentar como fora a lectura dun relato á vez tan próximo e distante para o alumnado dun instituto urbán como o noso.

Recordamos algunha pasaxe do libro, como a da morte 
de Pachín, o querido can de Balbino, unha de tantas experiencias relacionadas coa perda -da nenez, da vida, da inocencia, das raíces- que narra Neira Vilas. Tamén houbo quen se lembrou da orixe familiar, que á fin se rascamos un pouco, todas e todos temos algo de terra pola parte do pasado. 

 Ao rematar, tras un percance que debeu ser cousa dalgún tardo ou trasno dos que andan polo lugar e que temos a ben gardar no peto, volvimos para o centro a fume de carozo, que o barrio ás veces, cando se anda con apuro, parece facerse máis grande do que semella!

12.5.16

O pazo baleiro


O pasado luns, 9 de maio, tivemos na biblioteca a derradeira reunión do curso co clube de lectura de 1º de ESO.

O libro que nos reuniu esta vez foi O pazo baleiro de Xabier P. Docampo, unha  novela de misterio apaixoante, cun vello pazo cheo de segredos agochados, propiedade dunha familia cunha peculiar árbore xenealóxica. E tamén haberá de por medio un  diamante de incribles dimensións que  os enfrontara  a todos dende hai moito tempo.

Será un grupo de adolescentes, axudados por Delio, tío do protagonista , quen desfaga toda esta maraña descubrindo a historia da familia e o misterio que encerra este pazo baleiro. Unha novela chea de intriga e temas para comentar.

Como sempre, a reunión cos nosos “lectores” estivo acompañada con algunha que outra larpeirada.

Ata o curso que ven!